CRTVG

Buscar

O 30% dos terreos forestais de parroquias priorizadas pola Xunta foron limpados voluntariamente

Publicado o 26/08/2019 14:28

Xesbío é unha ferramenta informática que unifica o sistema de notificacións dos concellos aos propietarios de parcelas para que as manteñan limpas de maleza. A Xunta deseñou esta aplicación para axilizar os trámites.

O conselleiro do Medio Rural, José González, explica que "hai un previo apercibimento aos propietarios que non fixeron esa limpeza para que a fagan, e se non advírteselles que se procederá á axecución subsidiaria por parte dos concellos, e isto é especialmente importante nas parroquias priorizadas". 

Son unhas 70 parroquias de 35 concellos especialmente vulnerables fronte ao lume, e nelas a Xunta posibilita contratos entre os propietarios e a empresa pública Seaga para que esta se encargue de limpar as franxas forestais a un prezo de 350 euros por hectárea.

A día de hoxe, segundo os datos que facilita a Xunta, arredor dun 30 por cento destas franxas limpáronse voluntariamente, e "os contratos, sobre todo nas zonas priorizadas, estanse incrementando a un ritmo moi bo", subliña González.

Case un cento de concellos contan co Plan municipal de prevención e extinción de incendios ao que obriga a lei e na actualidade están en marcha 16 proxectos de aldeas modelo para substituír o desbravado anual dos terreos pola agrogandería neles.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/08/2019