CRTVG

Buscar

O 25 de xullo, xornada de reivindicacións para os partidos políticos galegos

Publicado o 25/07/2019 20:33

O 25 de xullo tamén é unha xornada de reivindicacións. O acto de maior convocatoria, como cada ano, foi o do BNG, que percorreu de novo as rúas de Santiago para reivindicar máis nacionalismo fronte as forzas estatais. O PSdeG realizou a súa tradicional ofrenda floral a Castelao en Rianxo. As celebracións do resto de forzas de esquerda estiveron marcadas pola ruptura de En Marea.

Milleiros de simpatizantes do BNG percorreron as rúas de Santiago baixo o lema 'Galiza. Un novo impulso'. Ana Pontón reclamou máis poder político e económico e defendeu o nacionalismo como a única alternativa á situación política estatal.

Coma cada ano, os socialistas galegos conmemoraron o Día de Galicia en Rianxo coa tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelao. O secretario xeral do PSdeG fixo un chamamento ás bases para que haxa un cambio político en Galicia nas próximas eleccións autonómicas.

En Marea celebrou na carballeira de Vista Alegre o seu primeiro día de Galicia tras a ruptura do grupo parlamentario. Luis Villares demandou cambios nas políticas medioambientais.

A poucos metros, noutro acto, Anova celebraba un xantar popular. Reivindicaron máis democracia e dereitos sociais. Entre os asistentes estaba o fundador da formación Xosé Manuel Beiras.

Podemos Galicia elixiu a localidade pontevedresa de Marín. Centrou o acto do 25 de xullo na loita feminista pola igualdade. Esquerda Unida tamén optou por descentralizar a celebración deste Día de Galicia, trasladándose a Mugardos. E Compromiso por Galicia fixo a súa habitual ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de Bonaval.

O Partido Popular felicitou o Día de Galicia a través dun vídeo publicado na súa conta de Twitter. Os populares lembran a homenaxe que lle fixeron o neno Balbino,creado por Neira Vilas, en Lalín, esta mesma semana. Con este chío reivindican un galeguismo sen froiteiras e integrador.

 

 

Noticias web

25/07/2019