CRTVG

Buscar

O 25% das persoas citadas para o cribado masivo en Vigo non compareceu

Publicado o 23/11/2020 11:33

 

 

O 25% das persoas citadas para o cribado masivo en Vigo non compareceu

O 27,67% das 2.060 persoas citadas polo Sergas na área sanitaria de Vigo para participar esta fin de semana no cribado aleatorio con probas PCR optou por non presentarse.

En total practicáronse 1.490 probas PCR neste inicio do cribado de carácter voluntario, que ten como obxecto frear a circulación da covid-19, segundo informou o Servizo Galego de Saúde. Todos eles están adscritos ao centro de saúde de Sárdoma.

As persoas seleccionadas foron contactadas polo Servizo Galego de Saúde e a elas correspondía aceptar ou non a invitación para participar no cribado, o que rexeitaron 570.

A poboación diana desta iniciativa é a comprendida na franxa de idade entre os 20 e os 60 anos, que non se someteu a unha proba PCR nas últimas dúas semanas e dispoña dun móbil rexistrado no sistema de avisos Lembra, que autoriza as autoridades sanitarias a enviar notificacións con mensaxes de texto.

Está prevista unha seguinte quenda doutras 2.000 persoas adscritas ao centro de saúde de Lavadores.