O 20 % dos convocados presentaron alegacións para non formar parte das mesas electorais en Cataluña
Faltan dez días para as eleccións en Cataluña e Salvador Illa mantense como o favorito nas enquisas. O PSC sería a forza máis votada, segundo a sondaxe que publica hoxe o CIS. Seguiríao Esquerra Republicana e, en terceiro posto, recortando a diferenza, o partido de Puigdemont.
Mentres tanto, segue medrando o número de persoas que presentan alegacións para non formar parte das mesas electorais. Xa son 16.500, o 20 % dos convocados. A Xunta Electoral de Barcelona mesmo estuda recorrer a voluntarios para cubrir as eventuais desercións o 14-F e evitar así que teñan que quedar os primeiros votantes, tal e como di a lei.
O presidente da Xunta Electoral de Barcelona, Santiago García, cre necesario "buscar solucións excepcionais a circunstancias excepcionais. É que, para colmo, neste proceso os chamados a votar en primeiro lugar, de 9 a 12 h, son os maiores, as persoas máis vulnerables".