CRTVG

Buscar

O 16 de xullo celebrarase a homenaxe ás vítimas do coronavirus en España

Publicado o 17/06/2020 09:42

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou no Congreso dos Deputados que o vindeiro 16 de xullo se celebrará a homenaxe ás máis de 27.000 persoas falecidas en España como consecuencia do coronavirus, así como ao persoal sanitario que traballa no sistema sanitario para frear a pandemia.

Sánchez fixo o anuncio na súa primeira intervención da sesión de control ao Goberno que se celebra na cámara baixa esta mañá. "Esperamos contar coa presenza de todas as forzas parlamentarias e dos máximos representantes das instituciones públicas". Engadiu que a homenaxe estará presidida polo Rei e a ela asistirán o presidente do Consello Europeo, a presidenta da Comisión Europea, o presidente do Parlamento Europeo, o Alto Representante da UE e o director xeral da Organización Mundial da Saúde.

O presidente respondía á pregunta formulada polo líder do Partido Popular, Pablo Casado, que lle reprochou deberlle a presidencia do Goberno a Iglesias, a Junqueras e a Otegi e asegurou que foron 43.000 os falecidos e non 27.000 como din os datos oficiais.

"Ninguén dubida de que a súa xestión foi un fracaso", díxolle Casado a Sánchez, a quen esixiu que "non busque falsos culpables, o único responsable é vostede". 

O voceiro de Vox, Santiago Abascal, acusou o Goberno de que "só nos trouxeron ruína e división aos españois", tras preguntarse se a afirmación do Executivo de que o país sairá máis forte da crise sanitaria é "propaganda baleira". 

"Podemos saír máis fortes se propoñemos unha resposta á crise desde a unidade e a xustiza social", respondeu Sánchez, que defendeu que "O Goberno está propoñendo unha transformación da economía, por exemplo no ámbito do cambio climático", aínda que, ao seu entender, aos membros de Vox "isto da ciencia impórtalles tres pementos".