CRTVG

Buscar

O 14 de abril entra nas quinielas das eleccións anticipadas

Publicado o 11/02/2019 20:22

Citando fontes do Executivo, a axencia EFE asegura que Pedro Sánchez estuda convocar as eleccións xerais o 14 de abril. O adianto permitiríalle evitar a coincidencia coas municipais e autonómicas de maio, tal e como desexan os baróns socialistas. Pero no PSOE, din que non lles consta.

Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE: "Non hai ningún membro da dirección do PSOE que estea falando do 14 de abril. É unha competencia en exclusiva do presidente do Goberno e, sobre todo, nós nunca damos unha batalla por perdida".

A batalla é a dos presupostos, que se votan o mércores cos independentistas dispostos a tombalos. Cara a eles interpreta o PP que vai o globo sonda da Moncloa.

Marta González, vicesecretaria de Comunicación do PP: "Dá a sensación de que se trata dun ultimato á desesperada aos seus socios independentistas para que retiren as emendas á totalidade. Nós estariamos encantados de que a convocatoria das eleccións se faga canto antes, inmediatamente, estamos preparados".

Tamén Ciudadanos celebraría a fin dunha lexislatura que, segundo Albert Rivera, xa debeu rematar tras a sentenza da Gürtel. Pídelle a Sánchez que non repita, dixo, a estafa.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Recordo unha conferencia de prensa que deu o día que anunciou a moción de censura que dixo, 'por suposto, convocarei eleccións canto antes', e estafounos e aí segue, atrincheirado na Moncloa, no helicóptero e no avión. Encantaríame pensar que, efectivamente, vai haber eleccións canto antes".

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, dixo desde Twitter que aínda hai tempo para chegar a acordos pero que hai que ser realistas.

Para celebrar eleccións o 14 de abril, Pedro Sánchez debería convocalas o martes da semana vindeira.

Noticias web

11/02/2019