CRTVG

Buscar

O 12 de xullo haberá máis votantes novos, pero menos en total ca nas eleccións de abril

Publicado o 22/05/2020 12:12
O 12 de xullo haberá máis votantes novos, pero menos en total ca nas eleccións de abril

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este venres os datos do censo electoral para as eleccións galegas do próximo 12 de xullo, que relata algún dato curioso respecto dos comicios suspendidos do pasado 5 de abril.

Entre eles, que o número de persoas que poderá votar por primeira vez, por facer 18 anos desde as eleccións celebradas o 25 de setembro de 2016, aumenta en máis de 5.539 persoas, ata os 78.504, fronte aos 72.964 que estaba previsto que puidesen facelo por primeira vez en abril.

Con todo, o número total de electores redúcese en 2.190 persoas (-0,1 %), ao pasar de 2.699.505 en abril a 2.697.315 chamados a participar nas eleccións ao Parlamento de Galicia do próximo 12 de xullo.

Ademais, aumenta lixeiramente o número de electores residentes no estranxeiro, 720 máis, que seguen representando un de cada seis e que suman en total 463.163 galegos.

O censo electoral de residentes en España poderase consultar do 25 de maio ao 1 de xuño nos concellos e nas delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral (OCE) e os electores residentes no estranxeiro poderán comprobar os seus datos de inscrición nestas mesmas datas nas oficinas consulares.

Os electores poderán presentar reclamacións aos seus datos de inscrición nos concellos, consulados ou nas delegacións provinciales da OCE no mesmo prazo, do 25 de maio ao 1 de xuño.

Os electores residentes no estranxeiro que desexen votar deberán solicitar o seu voto á delegación provincial da OCE correspondente á súa inscrición ata o 13 de xuño.

A OCE está remitindo aos electores con dereito a voto o impreso oficial de solicitude e as solicitudes poderanse enviar por Internet. Para iso é necesario identificarse polo sistema Cl@ve ou utilizar a clave enviada co impreso oficial, indica o INE na súa nota de prensa.

O impreso tamén está dispoñible nos consulados e nas páxinas web das administracións convocantes, do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e do INE.

Os electores poden solicitar a exclusión das copias do censo electoral que se entregan aos representantes das candidaturas para o envío de propaganda electoral. Estas exclusións son continuas e teñen efecto permanente mentres o elector non se manifeste en sentido contrario.

Quen realice esta solicitude ata o 1 de xuño non recibirán propaganda electoral por parte dos partidos políticos na campaña electoral destas eleccións. As solicitudes posteriores ao 1 de xuño terán efecto nas seguintes eleccións que se celebren.

Está previsto que a partir do 23 de xuño a Oficina do Censo Electoral remita a cada elector residente en Galicia unha tarxeta censual coa información da mesa e o local electoral onde lle corresponde votar.