CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez reúne o seu primeiro Consello de Goberno

Publicado o 14/01/2020 08:38

• O novo gabinete ten previsto entre as primeiras medidas actualizar as pensións 

• Dolores Delgado será nomeada fiscala xeral do Estado

O novo Goberno inicia hoxe a súa actividade dando luz verde á suba das pensións do 0,9% que quedara adiada o pasado decembro. Será a primeira medida dun Executivo que se reúne hoxe por primeira vez e que deixa outras decisións de calado para a reunión do próximo venres.

Hoxe ocuparanse, fundamentalmente, dunha longa ristra de nomeamentos: dos cargos que conforman o segundo nivel da Administración Xeral do Estado.

A axenda do Goberno comezou ás nove e media da mañá, repetindo ás portas de Moncloa a foto de familia que onte fixeron tras a promesa dos seus cargos en Zarzuela.

Sánchez e os seus 22 ministros posan antes do primeiro Consello da coalición 

Pedro Sánchez posou xunto aos 22 membros do seu novo Goberno para a tradicional foto de familia na Moncloa, que precedeu o primeiro Consello de Ministros do Executivo de coalición.

Desde as 9:30 horas e nunha mañá xélida, foron chegando ao edificio do Consello de Ministros os titulares das distintas carteiras, empezando pola vicepresidenta primeira e ministra da Presidencia, Carmen Calvo, seguido polo vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias.
Todos eles colocáronse despois nas escaleiras da entrada para a tradicional foto de familia do novo Goberno.

Na foto Sánchez está flanqueado á súa dereita polas vicepresidentas primeira e terceira, Carmen Calvo e Nadia Calviño, respectivamente, mentres que se situaron á esquerda os vicepresidentes segundo e cuarto, Pablo Iglesias e Teresa Ribera.

Os ministros foron chegando ao Palacio da Moncloa, un a un, todos coas súas carteiras ministeriais salvo a titular de Defensa, Margarita Robles, que non a levaba, tras o que pousaron individualmente para unha primeira foto ante os gráficos.

O último en chegar foi o ministro de Universidades, Manuel Castells, que levantou a carteira ministerial para a foto ante os xornalistas gráficos.

Dezasete ministros socialistas e cinco de Podemos compoñen este novo Gabinete de Pedro Sánchez, o segundo máis numeroso da democracia e o primeiro de coalición e bipartito.

Primeiras decisións do novo Goberno

Este primeiro Consello de Ministros ten previsto aprobar os nomeamentos dos segundos niveis ministeriais e tamén dará o visto e prace á proposta de nomeamento da ex-titular de Xustiza, Dolores Delgado, como nova fiscal xeral do Estado.

Sobre a mesa do Consello de Ministros hai moitos asuntos de trámite para o nomeamento dos cargos que ocuparán, en cada ministerio, o segundo nivel da Administración. E salvo sorpresas, tomarase unha soa medida urxente, que quedara adiada en decembro: a suba das pensións un 0,9%, acompañada dunha primeira mensaxe do Goberno: "O noso obxectivo é reforzar a solvencia e a suficiencia do sistema de pensións e dar certeza aos pensionistas e os traballadores", dixo José Luís Escrivá, o novo ministro de Seguridade Social. 

Para o venres poderían quedar outros asuntos como a suba retroactiva dos salarios públicos ou mesmo a do salario mínimo, que pretenden aprobar en base ao diálogo cos axentes sociais. Significativa neste sentido a presenza de presidente da CEOE, na toma de posesión de Pablo Iglesas como vicepresidente segundo.

"Vai ser un Goberno forte, en que os principios do compañerismo e o traballo en equipo van presidir unha etapa que vai ser difícil, pero que afrontamos con ilusión", dixo Iglesias.

A vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, declarou que "seremos prudentes na valentía e firmes no que máis importa: a defensa da democracia e a súa mellora constante".

O perfil económico do Goberno marcouno tamén a nova ministra de Exteriores. 'Spain is back' (España está de volta), declarou Arancha González Laya. Mentres, a ministra de Facenda, que tamén se estrea como voceira do Executivo, fixaba como obxectivo ter orzamentos no primeiro trimestre do ano.

"O primeiro que temos que facer é entregar o PXE nas Cortes Xerais parar face posible que esas políticas e esa capacidade de cambio e transformación que o Goberno quere impulsar se reflicta nesa folla de rua que son as contas públicas", advertía Montoro ao recoller de novo a súa carteira de Facenda.

Superar as contas de Montoro é fundamental para sufragar as novas tarefas que marca un executivo cunha ampla axenda social. E prevese que a titular de economía negocie en Bruxelas unha senda de déficit menos esixente. A loita contra o cambio climático e a axenda feminista marcarán tamén o camiño dun novo gobero que terá Beatriz Gimeno á fronte do Instituto da Muller e a Boti García Rodrigo nunha dirección específica LGTBI.

"Vannos xulgar polo que somos, por poñer a vida no centro, así que que nada nos límite. Moitas grazas e ao traballo", remachou Irene Montero, a nova ministra de Igualdade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2020