CRTVG

Buscar

Nunha rúa do barrio lugués de Albeiros adoitan triplicar a velocidade máxima permitida

Publicado o 30/06/2021 13:48

A rúa Pedáneo Xoán Diego, no barrio lugués de Albeiros, converteuse nunha alternativa para evitar os semáforos da avenida Duquesa de Lugo. O problema é que moitos condutores non respectan o límite de 30 quilómetros por hora establecido para esta vía, e algúns mesmo chegan a triplicar esa velocidade acotío.

"As peores horas son as da mañá, cando van traballar, que pasan as présas, e logo polas tardes a verdade é que pasan moi rápido". "Para evitar os radares que hai na Infanta Helena, pois veñen por aquí. E como non os pillan, pasan a tanta velocidade que ás veces nas curvas ocupan o carril contrario. Non hai accidentes porque non coincide haber outro, que se non si que habería", sinalan os residentes na zona.

Os veciños desta rúa denuncian que xa se produciron varios atropelos a animais da contorna, sobre todo gatos. Piden, por tanto, que se tomen medidas de control da velocidade para evitar que algún peón chegue a resultar tamén atropelado.

"Aínda estes días un coche colleu un gato por aquí". "Eu vino morto. E dixeron que mataron outro máis aí tamén". "Eu diria que multasen algo. Que veñan por aquí e que os controlen". "A policía debería mirar e multar. É o que tiñan que facer", engaden.

Ademais de veciños de idade avanzada, por esta rúa estreita adoitan camiñar numerosos viandantes.

 

Noticias web

30/06/2021