CRTVG

Buscar

Unha queixería de Castroverde ve caer a produción un 75 por cento

Publicado o 24/03/2020 13:54

Nesta queixería de Santo André de Barredo, en Castroverde, traballan en exclusiva na elaboración de queixo do Cebreiro. Viñan transformando uns 1.000 litros de leite ao día, pero por mor da caída da demanda, a actividade viuse reducida nun 75 por cento.

"A día de hoxe seguimos traballando, pero non en nada que ver co que estabamos facendo hai mes e medio. Os pedidos que había de hostalería e restauración, sobre todo en zonas coma Madrid ou a costa mediterránea, caeron a cero. E estase salvando grazas aos supermercados e ás tendas de alimentación que seguen a funcionar con normalidade ou incluso máis aínda. De momento, é o que estamos atendendo", di Carlos Reija, queixeiro.

Debido á crise sanitaria, na queixería tiveron que tomar medidas. Para evitar contaxios, os traballadores estanse a alternar en quendas rotatorias.

"Aquí somos dous traballadores e non estamos traballando xuntos. Ímonos alternando, un pola mañá e outro pola tarde. Cada un fai a súa función, un elabora e outro envasa para non coincidir os dous xuntos por se aparece un positivo".

A variedade de queixo curado desta queixería, que se elabora con leite de vacas frisoas da zona, leva seis anos consecutivos obtendo premios de ámbito estatal e expórtase a países coma os Estados Unidos ou Australia.

Noticias web

24/03/2020