Núñez Feijóo ve "posible" aliviar as restricións a mediados da semana próxima
Tras a fin de semana cos mellores datos dende decembro, Alberto Núñez Feijóo fala de optimismo, pero optimismo condicionado pola aínda alta hospitalización de doentes da covid−19. Porén, se os contaxios continúan á baixa esta semana, xa poderían levantarse algunhas restricións para a que vén.
"Na próxima semana falariamos, probablemente, de cal é a situación e de que cousas, no seu caso, poderíamos empezar a diminuir; pero, insisto, sempre dende a óptica da moderación e da progresividade. Non imos obter dun día para o outro a anulación do 100 % das restricións, pero é posible que a próxima semana, mediados, finais da próxima semana, poidamos dar algún respiro", asegura Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
O presidente da Xunta espera ter vacinados, coas dúas doses, todos os traballadores do Sergas este mes de febreiro.
"O obxectivo é rematar o mes de febreiro coas dúas doses e, polo tanto, inmunizado todo o persoal do Servizo Galego de Saúde. E tamén empezaremos no mes de febreiro cos centros de día, tanto cos profesionsais como cos usuarios, e cos maiores de 80 anos", afirma Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
O Comité clínico deste martes estudará a evolución da curva de contaxios e hospitalizacións pero sen modificar aínda restrición ningunha das aprobadas ata o día 17.