CRTVG

Buscar

Feijóo evita dar a data das eleccións, pero insiste en que serán o antes posible

Publicado o 15/05/2020 13:29

• "Igual que imos ás terrazas ou ao supermercado, ir votar está nesa normalidade"

• Galicia en Común, BNG e PSdeG opóñense a eleccións durante a desescalada

• Ciudadanos e En Marea aceptarían unhas eleccións en xullo

O presidente da Xunta resérvase, polo de agora, a convocatoria da cita electoral: "Non estou en disposición de dar esa resposta co día exacto", dixo, a preguntas dos xornalistas, pero insisitiu en que "debemos valorar o escenario de poder celebrar as eleccións no momento máis próximo posible".

Nese sentido, Alberto Núñez Feijóo dixo que "temos que guiarnos polo que os expertos nos indican" e "ao mesmo tempo que estamos acudindo a terrazas, supermercados, ou andar pola rúa, ir votar está dentro desta normalidade que estamos adquirindo".

O xefe do Executivo autonómico si adiantou que a campaña será diferente "e moito máis curta, sen dúbida".

Respecto da posición do resto de forzas políticas, coas que mantivo onte unha xuntanza para abordar este asunto, dixo estar sorprendido da postura do PSdeG e do BNG "porque van en contra do que eles mesmos aprobaron", en referencia á prórroga do estado de alarma vixente que habilita os gobernos autonómicos de Euskadi e Galicia para celebrar as eleccións aínda na situación de estado de alarma. 

"Supoño que ninguén aceptaría que utilizando o virus haxa un presidente sen lexitimidade por estar o mandato finalizado" dixo.