CRTVG

Buscar

Numerosos estranxeiros mercan propiedades senlleiras en Galicia

Publicado o 10/02/2019 18:01

Uns londinienses acaban de mercar este cachiño de Viveiro: unha pequena aldea enteira, con acceso a dúas praias e con posibilidades infinitas.

Rosa foi a intermediaria. Non é a primeira vez que vende lugares coma este a estranxeiros. Ingleses, norteamericanos ou franceses están entre os seus clientes.

"Veñen en busca deste paraíso, veñen pola natureza, a comida, a slow life, un modo de vida integrado".

Ela mesma e o seu home, un británico que leva aquí trinta e pico anos, mercaron e rehabilitaron unha casa no rural. A experiencia foilles ben e abriron unha axencia en que ofrecen espazos senlleiros coma aldeas, pazos, torres ou casas indianas con fábricas de gasosas, coma esta que nos levou visitar en Mondoñedo. Xosé é o seu dono.

"Antigamente era unha fábrica de gasosas, eu medrei no medio deles, e cando os donos morreron decidín poñela á venda".

"Os candidatos que temos son todos estranxeiros, porque teñen a mente aberta para ver as posibilidades, pero non só os estranxeiros, porque aquí houbo un neno que soñou".

Xosé é o neno que soñou con poder mercar esta propiedade, mais agora non pode atendela. Pero séntese responsable dela, e non quere vendela a quen non saiba valorala.
Non lle asusta que a merque un foráneo. Pode chegar a amala e sentila tanto coma el. Non teme que o lugar se "marbellice".

"Veñen buscando sentirse e vivir coma galegos, veñen buscando integrarse nos nosos costumes".

Xosé quere para este lugar un futuro semellante ao que se presupón que vai ter a pequena aldea de Viveiro que mercaron os ingleses. Anhela que alguén se encariñe e revalorice o que el tanto quere.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2019