CRTVG

Buscar

Feijóo, favorable a celebrar eleccións "canto antes, a comezos do verán"

Publicado o 13/05/2020 15:27

• Convoca os partidos políticos a unha xuntanza mañá

• A oposición acúsao de desprezar o Parlamento e forzar os comicios

• Illa vincula a celebración de eleccións en xullo á evolución da pandemia

O presidente da Xunta , Alberto Núñez Feijóo, amosouse hoxe favorable a celebrar eleccións en Galicia "canto antes", tras recibir os informes sanitario e xurídico que, segundo dixo, así o recomendan.

Desde o punto de vista sanitario, explica que "o momento que pode ofrecer menos incertezas é axiña e a seguridade sanitaria é maior canto antes se celebren os comicios, e as incertezas avanzan canto máis avance o ano restando garantías para que se poida celebrar un proceso electoral en condicións sanitarias axeitadas".

Desde o punto de vista xurídico, di o presidente da Xunta que os informes conclúen "que se dan as condicións" para unhas eleccións e que "é prudente e correcto proceder a unha convocatoria na maior brevidade posible".

"Ter que celebrar eleccións nestas situacións resúltame tan inoportuno como aos demais, pero a lexislatura remata", afondou Núñez Feijóo, que engadiu que, ademais, non se descarta un rebrote para despois do verán.

"Temos 54 días como requisito imperativo" desde a convocatoria, polo que apuntou: "O 12 de xullo é a primeira data en que se poderían convocar".

O presidente da Xunta convoca os partidos políticos a unha reunión mañá para escoitar a súa opinión. "Tomarei a decisión máis responsable", concluíu. "Se os partidos coinciden cos expertos, coa situación epidemiolóxica de Galicia, coa situación da asesoría xurídica de Galicia será todo máis fácil, obviamente". En caso de haber diferenzas, lembrou que "a convocatoria electoral é unha das competencias indelegables" do presidente da Xunta.

Os grupos políticos xa reaccionaron ao anuncio.

A líder do BNG, Ana Pontón, acusou a Feijóo de desprezar o Parlamento e, "entre a saúde dos galegos e galegas e eleccións escolle o segundo".

Desde Galicia en Común, Antón Gómez-Reino publicou unha mensaxe nas redes sociais que acusa a Feijóo de comparecer "desprezando os mínimos democráticos para "ocultar o debate no Parlamento", onde se celebraba pleno da Deputación Permanente, e "tratar de forzar eleccións".

Caballero acusa a Feijóo de actuar unilateralmente malia que o concelleiro de Sanidade recoñece que a pandemia é "altamente impredicible"