CRTVG

Buscar

Novos e maiores conversan sobre as circunstancias da emigración

Publicado o 17/02/2020 14:41

Máis de 50 anos e toda unha vida de experiencias, boas e malas, separan os nosos seguintes protagonistas. Por un lado, avós que retornaron da emigración e comparten as súas historias. Por outro, estudantes da ESO, moitos deles inmigrantes no noso país, que escoitan esas historias para analizar o fenónemo da emigración.

En pequenos grupos, para favorecer o intercambio de opinións, novos e maiores reflexionan sobre as circunstancias da emigración: "Emigrar ten unha gran vantaxe, dáche un plus sobre os que non emigran: dáche unha maior visión da vida, das diferencias, porque coñeces xente moi diferente a ti, con outros costumes... e iso ensínache a ser máis flexible", comenta unha das participantes.

Os maiores, emigrantes retornados de países ben diferentes, diríxense a un público, estudantes da ESO, tamén moi vinculado ao fenómeno migratorio: "Está ben. Así aprendemos máis dos maiores, interactuamos e aprendemos deles". "Si, se pode axudar: aconsellando, guiando, axudando... como nos axudaron a nós".

Entre uns e outros afondan nas dificultades da emigración: "Tedes que prepararvos. Vós tedes unha preparación, pero a min salvoume a preparación que levaba". "O idioma, se te mudas a un país con outro idioma, os costumes...". "Eu fun de man de obra, cun traballo fixo. Metéronnos nun tren e pareciamos pelicas, cunha chapiña aquí no peito...".

E tamén no enriquecemento cultural e persoal: "Os meus pais sempre mantiveron o cordón umbilical con España e eu crecín con ese amor e, ao mesmo tempo, co amor a Venezuela e os meus compañeiros, os meus amigos, eran venezolanos. E vives con esa duplicidade".

É a quinta edición desta actividade de Afundación, coa que se pretende poñer en valor a experiencia dos maiores e fomentar o intercambio entre xeracións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2020