CRTVG

Buscar

Repuntan os positivos de Covid-19 en Galicia, cun total de 196, 16 máis que o venres

Publicado o 25/07/2020 15:13

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, a área sanitaria con máis casos é a de Lugo, con 80 activos, mesma cifra que no día anterior. A Coruña, con 52 casos, é a área sanitaria na que máis crecen os activos con nove máis respecto ao venres. 

Así mesmo, Vigo ten 32 positivos rexistrados, un máis que o venres e na área sanitaria de Pontevedra están activos 15 casos de covid-19, catro máis que este xoves.

Os dous casos detectados en Barbadás fan subir a oito os activos en Ourense, mentres que o resto de área sanitarias non presentan cambios respecto ao venres: Santiago ten 11 e Ferrol segue libre de Covid.   

O número de persoas hospitalizadas mantense nas 10 que había o venres, un deles na UCI e un total de 185 afectados están no seu domicilio. As cifras globais en Galicia rexistran 11.211 persoas curadas e 619 falecementos, un dato este último que non varía desde o 10 de xuño.   

En canto ás residencias, a situación está igual que o venres, cando o Sergas notificou o caso dunha traballadora unha residencia de Xove que, segundo fontes próximas, contaxiouse, do mesmo xeito que outros familiares, por unha visita procedente de Cataluña.

Ningunha das 43 PCR realizadas nas últimas horas na Mariña deron positivo. Todas as que se fixeron na residencia de Xove onde traballa unha muller infectada por un caso importado deron resultados negativas. No distrito sanitario seguen activos 51 casos, a maioría asintomáticos ou que presentan síntomas leves, e só tres permanecen ingresados no Hospital da Mariña.