CRTVG

Buscar

O Ministerio informa de 281 brotes activos en España, con máis de 3.000 positivos

Publicado o 23/07/2020 17:25

O Ministerio de Sanidade informou de 971 novos casos de COVID-19 este xoves, fronte aos 730 de onte, o cal supón 241 máis. O total de positivos ascende a 270.166 desde o inicio da pandemia.

Dos novos diagnósticos, 47 rexistráronse en Andalucía, 415 en Aragón, catro en Asturias, dous en Baleares, cinco en Canarias, catro en Cantabria, 19 en Castela-A Mancha, cinco en Castela e León, 182 en Cataluña, 33 na Comunidade Valenciana, seis en Estremadura, sete en Galicia, 102 en Madrid, un en Murcia, 66 en Navarra, 61 no País Vasco e 12 na Rioxa.

Ademais, producíronse tres mortes nas últimas 24 horas, sete na última semana (unha en Castela e León, dúas en Cataluña, unha na Comunidade Valenciana e tres en Madrid), para un total de 28.429 defuncións rexistradas nas estatísticas oficiais.

Por outra banda, producíronse 296 ingresos hospitalarios con covid-19 na última semana (126.241 en total): 24 en Andalucía, 78 en Aragón, dous en Asturias, catro en Baleares, dous en Canarias, un en Cantabria, 21 en Castela-A Mancha, 18 en Castela e León, 26 en Cataluña, 26 na Comunidade Valenciana, catro en Estremadura, oito en Galicia, 53 en Madrid, nove en Murcia, sete en Navarra e 13 no País Vasco.

Na última semana houbo 15 ingresos en unidades de Coidados Intensivos (11.741 desde que o coronavirus chegou a España): un en Andalucía, dous en Aragón, un en Cantabria, dous en Castela-A Mancha, un en Castela e León, tres en Cataluña, un en Estremadura, un en Galicia, un en Murcia e dous no País Vasco.

281 brotes activos, con máis de 3.200 afectados

En toda España hai 281 brotes activos de coronavirus con 3.200 casos vinculados, e son Cataluña e Aragón as comunidades autónomas que "máis preocupación" xeran ao Ministerio de Sanidade, xa que en Barcelona, Lleida e Zaragoza hai transmisión comunitaria.

A xefa de área do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, María José Sierra, explicou este xoves en conferencia de prensa que "practicamente todas as comunidades autónomas" están a ter brotes estes últimos días e que aumentan os casos relacionados co lecer nocturno.

Desde que finalizou a desescalada detectáronse en España 369 brotes, con 5.000 casos, aínda que moitos dos 281 activos están a pecharse.

Sierra precisou que en dúas semanas se triplicou a incidencia acumulada dos contaxios e incidiu en que se non fan todos un esforzo non se vai controlar a transmisión.

Cataluña e Aragón son as "dúas comunidades autónomas que máis claramente nos preocupan", recoñeceu a experta, ao aumentaren os casos en Barcelona e Zaragoza.

Sierra subliñou que cada vez hai máis brotes asociados ao lecer e ás discotecas, algúns cunha magnitude importante que afectan a máis de cen persoas.

Son 15 brotes con máis de 350 casos os relacionados con reunións e festas familiares. Un 32 % dos brotes circunscríbense ao ámbito social e teñen vinculados 900 casos.

No ámbito laboral hai 27 brotes que afectan a traballadores do sector da froita en situación de vulnerabilidade.

Por outra banda, Sierra sostivo que non todos os brotes teñen a mesma magnitude; en concreto, o 70 %  ten dez casos ou menos.

Recoñeceu que están "preocupados" pola situación epidemiolóxica, aínda que o sistema sanitario non está a sufrir tensión a pesar do aumento dos casos, dado que o 50 %  dos positivos son  asintomáticos.

Finalmente, Sierra insistiu en que o virus non desapareceu, en que segue circulando, "así que é fundamental detectar de forma precoz os casos".

Sanidade considera que todas as medidas adoptadas polas comunidades autónomas para frear a transmisión son adecuadas.