CRTVG

Buscar

Novo récord de mortes nos EUA por covid, mentres advirten de que irá a peor

Publicado o 08/01/2021 10:37
Novo récord de mortes nos EUA por covid, mentres advirten de que irá a peor

Os Estados Unidos alcanzaron un novo récord de mortes diarias por coronavirus con máis de 4.000 nas últimas 24 horas, segundo fontes oficiais, mentres expertos do país advirten de que a pandemia recruará en xaneiro no país.

Anthony S. Fauci, o principal experto en enfermidades infecciosas dos Estados Unidos e próximo asesor do Goberno do demócrata Joe Biden, sinalou que o número diario de mortes por coronavirus continuará aumentando durante as próximas semanas, e recomendou ter paciencia co programa de vacinación que se está preparando en todo o país, segundo aseguran medios locais.

Segundo cifras oficiais, o total de falecidos pola pandemia nos EUA alcanza xa os 365.400, polo que o país converteuse no máis afectado pola pandemia, con ademais de 21,5 millóns de infectados do global dos 88 millóns en todo o mundo.

Nunha entrevista coa emisora estadounidense NPR que tamén cita The New York Times, Fauci dixo que é probable que o alto número de vítimas continúe e que sexa un reflexo do aumento das viaxes e as reunións durante as recentes vacacións.

"Cremos que as cousas empeorarán a medida que entramos en xaneiro", indicou e fixo fincapé en que aínda era posible "mitigar esa aceleración" adheríndose estritamente a medidas de saúde pública como o distanciamento social e o uso de máscaras.

Segundo The New York Times, ata o de agora, polo menos 5,9 millóns de persoas nos Estados Unidos recibiron unha dose dunha das dúas vacinas covid-19 que foron autorizadas para o seu uso, segundo os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades.