Novo parque infantil no Hospital Clínico de Santiago de Compostela
Ninguén o pasa ben nun hospital, pero moito menos os nenos, afeitos a xogar en espazos abertos. No Hospital Clínico de Santiago acaban de solucionar este problema en boa medida: desde hoxe contan cun parque infantil exterior para que os pacientes pediátricos leven mellor o seu ingreso. A Fundación Andrea encargouse de recadar os fondos para poder habilitar este espazo.
O parque está situado na zona exterior da planta de hospitalización pediátrica e con el a Fundación Andrea quere axudar a que os pequenos se divirtan por un momento e esquezan a súa doenza.
Nese sentido, a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, insistiu, durante a inauguración do parque, na importancia de que os nenos "poidan ter ese momento de esparexemento ao aire libre que pode ser tan beneficioso para a súa recuperación".
O xefe do Servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón, destacou que a existencia destas instalacións supón "un paso importante no proceso de humanización e de facer as cousas mellor non só no asistencial senón tamén no achegamento aos nenos e ás súas familias".
Esta iniciativa é resultado das achegas de particulares e entidades que contribuíron a financiar as instalacións, primeiras deste tipo coas que conta un hospital galego.