Novo detido en relación cos 39 mortos nun camión
A medida que pasan as horas, as autoridades británicas reciben máis mensaxes de preocupación procedentes de familias vietnamitas da contorna rural. Este home está convencido de que o seu fillo viaxaba no camión frigorífico no que apareceron os corpos porque, segundo relata, coinciden as rutas, os lugares e as horas.
A Policía inglesa insiste en que a prioridade, nestes momentos, é a identificación dos 39 corpos. "Descoñecemos a nacionalidade de todas as vítimas", aseguraba o inspector xefe, Martin Passmore, en rolda de prensa. "Pero, polo momento, imos centrarnos na comunidade vietnamita".
Mentres, continúa a investigación. Este sábado, prenderon no porto de Dublín un norirlandés supostamente implicado no caso. Ata o de agora, xa son cinco as persoas detidas. Entre elas está o condutor do camión, tamén norirlandés, acusado formalmente, entre outros, de 39 delitos de homicidio, branqueo de cartos e conspiración para traficar con personas.
As 39 vítimas, 31 homes e 8 mulleres, foron localizadas o mércores pasado nun polígono industrial da localidades inglesa de Grays. Os corpos foron trasladados ao hospital de Broomfield, onde se lles está a practicar a autopsia.