CRTVG

Buscar

Novo cribado en Portas, con 500 veciños de 14 a 39 anos citados

Publicado o 13/08/2021 14:28

No interior da antiga azucreira de Portas é onde este venres se fai, ata as 8 e media da tarde, o cribado dirixido a veciños de entre 14 e 39 anos. É a franxa de idade en que se concentran a maioría dos contaxios deste municipio pontevedrés.

"Xa é a segunda vez que me toca, e hai que facela porque senón non hai maneira de saber onde está o foco", explica un dos mozos participantes no cribado.

A evolución epidemiolóxica preocupa, nunha localidade con pouco máis de 2.900 habitantes. "Somos poucos habitantes -comenta outra das asistentes- creo que hai 23 positivos e empeza a ser preocupante, e hai moita persoa maior, xa non é unha cifra tan boa como antes", conclúe. 

Para facer as probas PCR están citadas máis de 500 persoas cunha finalidade: detectar posibles casos asintomáticos e frear a curva de contaxios.

Ricardo Martínez, alcalde de Portas di que os casos comezaron a subir hai un mes. "De aí a idea do cribado, a ver que pasa, ten que haber algún asintomático que estea dándonos un pouco a lata", explica. 

Por iso, e malia ser un cribado voluntario, as autoridades fan un chamamento á participación.

Noticias web

13/08/2021