CRTVG

Buscar

Novo adiamento das declaracións de catro testemuñas na instrución do accidente de Angrois

Publicado o 25/05/2020 15:21

• O cuarto aprazamento das testificais atrasa a setembro o remate da fase de investigación

• Un dos declarantes é o ex-traballador que denunciou o borrado de datos

Novo adiamento das declaracións de catro testemuñas na instrución do accidente de Angrois

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago acordou aprazar de novo as declaracións como testemuñas de catro empregados de Talgo no momento do accidente de Angrois. A súa comparecencia por videoconferencia estaba prevista para este venres, 29 de maio, pero celebrarase finalmente nas dependencias compostelás o 10 de xullo, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.   

O xuíz indica que toma esta decisión despois de que o Xulgado de Instrución número 3 de Majadahonda lle comunicase a imposibilidade de practicar alí as testificais acordadas. Esta é á cuarta vez que estas declaracións se suspenden. Inicialmente estaban previstas para o 12 e o 13 de decembro, posteriormente para o día 23 de xaneiro e tampouco puideron celebrarse o 13 de marzo polo impacto do coronavirus. 

O titular do xulgado tamén indica que a representación dos tres responsables do informe da consultora Ineco sobre a avaliación de riscos do tramo ferroviario Ourense-Santiago solicitou así mesmo a suspensión das declaracións previstas para o 29 de maio.

A citación das catro novas testemuñas produciuse despois de que, o pasado 12 de novembro, a Audiencia Provincial da Coruña informase da reapertura da instrución sobre o accidente do tren para que o xuíz investigue a denuncia dun ex-traballador que asegura que responsables de Talgo ordenaron o borrado de datos sobre avarías do tren logo de ocorrer o sinistro.

Seis anos despois do accidente, este ex-técnico da empresa ferroviaria presentou unha declaración xurada na que afirma que a orde de borrado deuse apenas media hora despois do sinistro, mentres que Talgo nega os feitos.

As testificais que se practicarán o 10 de xullo -a partir das 9,00 horas- son as de catro traballadores de Talgo no momento no que sucederon os feitos: P.A.J.T., o técnico que asegurou que a empresa borrou probas do accidente; J.C.G.A., administrador de sistemas informáticos; J.L.B., xefe de taller, e L.A.H., director de mantemento.

A instrución do caso irase máis aló de setembro. O seu peche estaba previsto para o próximo mes de xuño, pero dado que os prazos procesuais quedaron suspendidos polo estado de alarma, a Fiscalía Xeral do Estado informou de que as instrucións das causas ampliaranse en función deste período.

No seu día, o xuíz Andrés Lago Louro ampliou por 18 meses a instrución que expiraba en decembro de 2018, ao prorrogar a declaración de complexidade da causa que investiga o accidente do tren Alvia, ocorrido o 24 de xullo de 2013. Deste xeito, o novo horizonte para terminar de investigar este sinistro, no que morreron 80 persoas e polo que hai dous imputados (o maquinista e o ex-xefe de seguridade de Adif), irase, polo menos, ata o mes de setembro.

Para facer fronte ao final da instrución do caso do accidente Alvia, a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) concedeu unha prórroga de xurisdición ao maxistrado Andrés Lago Louro a pesar do seu cambio de destino. Este xuíz participou nun concurso de traslados e foille asignado o Xulgado de Primeira Instancia Número 5 da capital galega.