CRTVG

Buscar

Novembro remata con precipitacións xeneralizadas

Publicado o 25/11/2019 13:13

Empeza a semana co que parece un día de transición, con alternancia de nubes e claros, con precipitacións máis probables nas provincias da Coruña e Pontevedra e con temperaturas mínimas en ascenso. O resto da semana chegarán novas borrascas e para mañá hai avisos laranxa por vento forte e altura de onda. 

Alberto Romero, meteorólogo de MeteoGalicia: "É certo que durante este mes tivemos o paso de sucesivas frontes asociadas a distintas borrascas. Tivemos unha especie de tren de borrascas no mes de novembro e rematará esta última semana con máis do mesmo: precipitacións que serán xeneralizadas, sobre todo mañá martes, e imos continuar así nos vindeiros días".

Parece que este mes de novembro rematará como comezou, o que o podería converter nun dos máis chuviosos dos últimos anos. Polo menos en parte de Galicia. 

Alberto Romero, meteorólogo de MeteoGalicia: "A verdade é que si tivemos un mes bastante húmido. Do que levamos de mes choveu practicamente todos os días en moitas zonas de Galicia. Non en todas, por exemplo nas comarcas de Verín, Viana, na mariña luguesa ou en Meira houbo días en que non se rexistraron precipitacións. Pero en xeral, nas provincias da Coruña e Pontevedra tivemos moitas comarcas onde houbo días de chuvia seguidos".

Se se cumpren as previsións, a semana que vén podería recuperarse a influencia anticiclónica.

Noticias web

25/11/2019