Novidades da Semana Santa de Viveiro
Oito confrarías en que colaboran máis de 3.500 persoas son os artífices da Semana Santa de Viveiro. Sacan á rúa 15 procesións e entre as novidades deste ano destaca unha na noite do Venres Santo.
"Hai unha especial que é a da Paixón con motivo do 75 aniversario da Confraría da Piedade e vai participar un paso de cada confraría. Será unha procesión espectacular e calculamos que participarán unhas 1.500 persoas", sinala José Veiga, presidente da Xunta de Confrarías de Viveiro.
A Semana Santa de Viveiro destaca, entre outras cousas, porque as súas procesións son cronolóxicas e polo valor histórico e artístico das súas imaxes.
"Esas figuras articuladas que lle dan un renome especial porque non é fácil de encontrar un Cristo que cae ou unha Virxe que se abraza o seu fillo", di Carmen Chipe, voceira da Xunta de Confrarías de Viveiro.
A Semana Santa de Viveiro é unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia dado que se celebra de xeito ininterrompido dende o século XIII.