CRTVG

Buscar

Oito cantantes e unha bailarina acusan a Plácido Domingo de acoso sexual

Publicado o 13/08/2019 10:09

Nove mulleres acusaron ao tenor español Plácido Domingo de acoso sexual, segundo publica a axencia de noticias Associated Press (AP). A información asegura que o cantante de ópera intentou presionar a mulleres para que mantivesen con el relacións sexuais a cambio de empregos e en ocasións tomando reprasalias contra as carreiras desas mulleres que rexeitaban as súas propisicións.

As acusacións chegan por parte de oito cantantes e unha bailarina, quen denuncian o acoso sexual durante tres décadas a partir de finais da década de 1980. A información publicada pola axencia de noticias norteamericana detalla varias desas situacións. Ademais tamén asegura que entrevistaron case tres ducias de persoas, cantantes, bailaríns, músicos, persoal técnio e administrativo, que aseguraron que presenciaran "comportamentos inapropiados" de índole sexual por parte de Plácido Domingo, e que "perseguía a mulleres máis novas con impunidade".

Plácido Domingo, considerado como un dos mellores cantantes de ópera de todos os tempos, é tamén director de orquestra e director da Ópera dos Ánxeles. Nun comunicado, tras coñecerse estas acusacións contra el, asegurou que "se remontan ata 30 anos, son preocupantes, e inexactas tal e como se describen"

"Aínda así, -continúa o comunicado-, é doloroso saber que puiden molestar a alguén ou facerlles sentir incómodas, sen importar canto tempo pasase e pese as miñas mellores intencións. Eu cría que todas as miñas interaccións e relacións foron sempre benvidas e consensuadas. A xente que me coñece ou traballou comigo sabe que non son alguén que dane, ofenda ou avergoñe a ninguén a propósito".

"Non obstante, recoñezo que as normas e estándares polos que se nos mide hoxe -como debe ser- son moi diferentes do que eran no pasado. Tiven a bendición e o privilexio de ter unha carreira de máis de 50 anos na ópera e atereime aos estándares máis altos".

Sete das nove mulleres que denuncian estes comportamentos de Plácido Domingo aseguran que as súas carreiras se viron prexudicadas tras rexeitar as súas proposicións, e algunhas sinalaron que papeis que lles prometeron nunca se concretaron. Varias din que aínda que traballaron noutras compañías, nunca volveron ser contratadas para traballar con el.

Só unha das nove aceptou ser identificada: Patricia Wulf, unha mezzosoprano que cantou con Domingo na Ópera de Washington. As demais solicitaron anonimato.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí