CRTVG

Buscar

Nove detidos en Galicia nas dúas operacións antidroga das últimas horas

Publicado o 22/01/2019 14:30
Pasaron a primeira noite en prisión os oito detidos por tráfico de drogas e pertenza a banda criminal, que onte prestaban declaración no xulgado en Vilagarcía. Ao mesmo tempo, axentes de vixilancia aduaneira custodiaban doce contedores destinados á fabricación de cocaína, no porto de Marín.

Dúas operacións contra o tráfico de drogas transcendían nos dous últimos días en Galicia. A máis potente, por volume de droga, orbita sobre este chalé de Valencia onde se situaba, segundo a Policía Nacional, un dos maiores laboratorios de Europa para o procesamento de cocaína. Aquí localizaron os axentes 8.500 quilos de produtos químicos empregados, supostamente, para cociñar a droga. A materia prima procedía de Colombia e chegaba a España a través do porto de Marín, onde os axentes de vixilancia aduaneira bloquearon doce contedores que están xa baixo control xudicial. Contiñan fariña de palmiste que os narcotraficantes utilizaban para enmascarar o estupefaciente e pasar os controis policiais. Calculan que, unha vez procesado, obterían tres toneladas de cocaína. Detiveron once persoas, en seis provincias. Entre eles, o presunto transportista, natural de Vigo e con antecedentes por tráfico de drogas.

A outra operación culminou en Galicia, tras seguimentos desde Colombia ata Ourense, pasando polo Porto. Detiveron oito persoas, do Ecuador, Colombia, a comarca de Arousa e Ourense, acusadas de introducir 430 quilos de cocaína ocultos en caixas de froita. O xulgado número 1 de Vilagarcía é o que instrúe o caso. Decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para todos os detidos, investigados por tráfico de drogas e pertenza a organización criminal.
 

Noticias web

22/01/2019