CRTVG

Buscar

Nove candidatos en disputa, que piden unha participación elevada para fortalecer a democracia

Publicado o 14/02/2021 15:42

No bloque independentista, os candidatos de Esquerra Republicana e Junts per Catalunya disputan hoxe o liderado e posiblemente a presidencia da Generalitat. O candidato de Esquerra, Pere Aragonès, votou no municipio barcelonés de Pineda de Mar e a candidata de Junts, Laura Borràs, facíao na cidade condal. Houbo referencias a participar para consolidar o país e decidir o futuro.
Aragonès fixo un chamamento a votar con "toda a determinación e toda a liberdade para escribir o futuro do país". Pola súa parte, Borràs aludiu ao 1-O e dixo que tamén espera que hoxe sexa "unha festa da participción e de busca da normalización democrática".

A estas dúas formacións disputaralles hoxe o triunfo, a teor das enquisas, Salvador Illa. O candidato socialista emitiu o sufraxio noutro concello barcelonés, en La Roca del Vallès, onde foi alcalde durante seis anos. Illa apelou á esperanza, despois de asegurar que votar é seguro: "Hai que votar con esperanza, que a esperanza é sempre máis forte ca o medo".

O candidato de Ciudadanos, Carlos Carrizosa, xoga hoxe pasar de ser a forza máis votada hai tres anos a manter uns resultados dignos. Desde Barcelona, fixo un chamamento á mobilización do constitucionalismo para facilitar "o cambio e a convivencia".

En Barcelona emitiu tamén o sufraxio a cabeza de cartel de En Comú Podem, Jéssica Albiach. Dixo que hai que "encher as urnas de esperanza e amor fronte ao oidio e a resignación".

Outro que votou na cidade condal foi o representante de Vox, Ignacio Garriga. Recibiu apupos e tamén algún aplauso. Os Mossos obrigaron á retirada de catro mulleres, activistas de Femen, que o increparon.

A cita coas urnas do líder do PP, Alejandro Fernández, foi en Tarragona. Salientou que hai que votar coma se fose unha actividade normal e que unha participación alta "favorecerá a democracia".

A representante da CUP, Dolors Sabater, depositou o seu voto en Badalona, concello do que foi alcaldesa. Pediu "perder o medo" a participar en tempos de "crise sanitaria e democrática". A última nas enquisas, Ángels Chacón, do PDeCat, chamou a votar con sentido da moderación.

 

Noticias web

14/02/2021