CRTVG

Buscar

Nove anos de cárcere por agredir sexualmente a súa parella tras acusala de ser infiel

Publicado o 22/11/2018 18:24
Nove anos de cárcere por agredir sexualmente a súa parella tras acusala de ser infiel

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a nove anos e dous meses de cárcere un acusado de agredir sexualmente e golpear a súa parella no domicilio de Vigo que compartían porque cría que lle era infiel co seu xefe. O tribunal considera que o testemuño da vítima é "claro e coherente" e, por tanto, "crible". A sala impúxolle ao sospeitoso polo delito de agresión sexual seis anos e oito meses de cárcere, así como cinco anos de liberdade vixiada; polo de lesións, dous anos; e, polo de malos tratos, seis meses. As maxistradas, ademais, sentenciárono á prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima por calquera medio durante 16 anos e medio.
 
En agosto de 2016, segundo consta na sentenza, o acusado presentouse na porta do traballo da súa parella, situado en Pontevedra, e discutiu con ela porque ía comer cos seus compañeiros de traballo. Ese día pola noite, no domicilio que ambos compartían, volveu acusala de manter relacións co seu xefe "ou con outra persoa", golpeouna e agrediuna sexualmente.
 
O tribunal tivo en conta a agravante de xénero. Así, as xuízas argumentan que o "marco" en que se produciron os ataques contra a liberdade sexual da vítima é o derivado "dunha situación de malos tratos". A sala destaca que resulta "evidente" que o acusado utilizou a pretensión de manter relacións sexuais "desde a relación de poder respecto da prexudicada". A Audiencia de Pontevedra tamén lle aplicou a atenuante de cometer os feitos baixo a influencia de bebidas alcohólicas, o que provocou que tivese "levemente" minguadas as súas facultades.

Noticias web

22/11/2018