Novas solucións fronte ás ocupacións ilegais
A ocupación ilegal fai que emerxan novos negocios para combatela. O ano pasado rexistráronse en Galicia 138 destas usurpacións.
Ás empresas que se encargan das desocupacións súmanse agora investidores que buscan inmobles en situacións difíciles, incluídos os ocupados ilegalmente, empresas que limpan os estragos que provocan estes inquilinos ou un novo servizo inmobiliario que ofrece en alugueiro moi baixo eses inmobles para afastar os okupas.
As usurpacións medraron un 30 por cento, pero a nosa comunidade segue a ter unha das cifras máis baixas de ocupación.
Carteis de venda de inmobles están a desparecer das fachadas dos edificios.
"Deixan os inmobles en carteira para ensinalos na oficina, a clientes coñecidos, pero non queren que os publicitemos", di Asier López, xestor inmobiliario.
Seguimos tendo unha das taxas máis baixas, pero a situación preocupa.
Xunto ás empresas de desocupación, acaba de chegar a España o fenómeno europeo dos gardas. Xente nova que a cambio dun alugueiro baixo pasa a ser inquilino e vixilante de edificios ou locais baleiros, que previamente son acondicionados cuns requisitos de habitabilidade e seguridade.
"Teñen que cumprir unhas obrigacións, manter en bo estado o inmoble, asegurarse de que as instalacions seguen funcionando, vivir fisicamente na vivenda e avisar cando marchan, por exemplo, de vacacións", John Van Haaren, creador e xestor do fenómeno 'Guardian' fronte á ocupación ilegal.
Esta empresa acondiciona mesmo vellas estacións de tren, colexios ou outros edificios públicos. Calculan que en España ata 150.000 mozos entre os 25 e os 30 anos poderían vivir como gardas.