Entran en vigor as restricións sanitarias en Silleda e Marín
O concello de Silleda amenceu con novas restricións sanitarias para intentar frear o avance da pandemia despois de que nos últimos días se rexistraran 115 positivos por cada 100.000 habitantes. Unha circunstancia que provocou que xa durante os últimos días a circulación de xente fora moito menor do habitual tal e como constataron veciños e comerciantes.
Dende hoxe quedan limitadas as reunións sociais a 10 persoas e redúcese a ocupación á metade no interior de comercios, locais de hostalería e restaurantes. Nas terrazas o acceso limítase ao 75% e tamén nas cerimonias civís e relixiosas. Os veciños están concienciados; din que hai que cumprir con estas restricións para evitar novos contaxios e volver á normalidade canto antes.
Na mesma situación están os veciños de Marín que tamén comezaron a aplicar restricións na hostalería e no comercio.
Na provincia de Pontevedra xa hai máis de 175.000 persoas afectadas por estas limitacións.