CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Novas empresas confirman a saída das súas sedes sociais fóra de Cataluña

Publicado o 06/10/2017 14:44

A incerteza e a ameaza da declaración de independencia precipitou as decisións dos grandes grupos empresariais, os que máis estaban a perder en bolsa. A primeira en dar o paso foi Oryzon. Trasladou a súa sede a Madrid. E nada máis tomar a decisión as súas accións pasaron de rexistrar fortes perdas a subir un 13% en bolsa.

Tamén premiaron os investidores a decisión de Eurona Telecom que subiu máis dun sete por cento. Proclinic sae de Cataluña e sitúase en Zaragoza, o Sabadell cambiou a sede a Alacante.

É determinante no rumbo financeiro doutras entidades que poden hoxe seguir o seu exemplo, referímonos a CaixaBank. E a téxtil Dogi, firma fundada en 1954 pola familia Domènech. Abandona Cataluña. Os investidores premiaron a decisión cun incremento en bolsa do 20 por cento.

Hoxe o foco está posto noutros grandes grupos. O principal, CaixaBank. Pero a decisión de saír de Cataluña está tamén sobre a mesa do consello de administración de Gas Natural que estuda mudarse a Madrid ou á Coruña e que celebra esta tarde un consello, Abertis, Catalana Occidente, ou mesmo Freixenet fortemente vinculada ao espírito e á sociedade catalá.

O exemplo destas compañías está a facer que grupos con filiais en Cataluña, como Seat ou Bayern, analicen a posibilidade de cambiar a sede destes centros neurálxicos de produción. 

Da decisión que tome CaixaBank depende que Cataluña quede sen sede social de ningunha grande entidade financeira. Onte perdeu a do Sabadell que, despois de 130 anos, acordaba trasladar o seu domicilio social a Alacante.

Son efectos financeiros da posible declaración de independencia de Cataluña, que suma novas fuxidas de empresas. A última en anuncialo, a téxtil catalá Dogi, fundada hai 63 anos, que marcha a Madrid. Súmase á biofarmacéutica Oryzon, a tecnolóxica Eurona e o distribuidor odontolóxico Proclinic. Outra cotizada, a gráfica Service Point vaino decidir esta tarde e o presidente de Freixenet, confirma que llo proporá ao consello de administración.

Tamén sopesan o traslado da sede social Codorniú e o grupo asegurador Catalana Occidente. Seguen moi pendentes do que acontece en Cataluña. Igual que as pequenas e medianas empresas. Unha das incógnitas está en que fará Gas Natural, participada por La Caixa e con sede en Barcelona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí