CRTVG

Buscar

Nova Zelandia endurece a lei sobre armas tras o masacre do venres

Publicado o 18/03/2019 08:46

O Goberno de Nova Zelandia vai abordar na reunión de hoxe o endurecemento das leis sobre posesión de armas tralo masacre do venres no que morreron 50 persoas. Doce dos feridos están en estado crítico. As mesquitas reabren hoxe con forte presenza policial. 

Nova Zelandia, o país no que hai unha arma por cada cinco habitantes, toma medidas tras o masacre do venres. O primeiro obxectivo do Goberno é prohibir as armas semiautomáticas. Na reunión do gabinete de hoxe, está previsto que a primera ministra anuncie tamén medidas para dificultar que os usuarios convertan as súas armas legais en rifles de asalto de estilo militar. Jacinda Ardern anunciou tamén a intención de abordar con Facebook a posibilidade de prohibir as transmisións en directo, o medio que usou o autor do masacre para facer público o seu ataque en directo.

A primeira ministra aseguraba tamén que as autoridades xa están devolvendo os corpos identificados ás familias e que todos serán devoltos antes do mércores. A policía de Nova Zelandia explicaba as dificultades para abordar as identificacións.

"De acordo á fe islámica, as familias queren que lles devolvan os corpos canto antes e estámonos asegurando de facelo", explica Wally Haumaha, o subxefe da Policía, que traballa en estreita colaboración cos imáns e Federación de Asociacións Islámicas de Nova Zelandia.

O seu presidente asegura que os que intentan dividir con este tipo de accións erran.

"Fallan porque o que lograron, se foi algo, foi incrementar o amor e o sentimento ao noso país", dixo Mustafá Farouk. 

O australiano Brenton Tarrant, de 28 anos, é a única persoa en custodia vinculada ao ataque. As outras tres persoas detidas inicialmente non participaron nel, pero as autoridades non descartan a posibilidade doutros sospeitosos. Tarrant rexeitou o avogado de oficio, e planea representarse a si mesmo. Permanecerá en prisión provisional ata o 5 de abril, cando se espera que compareza ante o Tribunal Superior neozelandés.

De momento impútanlle o delito de asasinato, pero non se descartan novos cargos contra el. Do medio cento de feridos, 34 seguen hospitalizados, 12 en unidades de coidados intensivos. Hoxe reabren as mesquitas en Nova Zelandia e todas con presenza policial. Haberá tamén axentes en colexios, negocios e locais de ocio en todo o país.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/03/2019