CRTVG

Buscar

Nova York supera os 25.000 falecidos por coronavirus, e os EUA pasan dos 75.000

Publicado o 07/05/2020 22:38
Nova York supera os 25.000 falecidos por coronavirus, e os EUA pasan dos 75.000

O estado de Nova York, epicentro mundial do coronavirus, superou xa as 25.000 mortes como consecuencia da pandemia, de acordo cos datos ofrecidos pola Universidade Johns Hopkins.

Porén, o número de falecidos diarios continúa á baixa, con 231 nas últimas horas, segundo o gobernador Andrew Cuomo, quen apuntou este xoves que as últimas mortes rexistradas marcaron o sexto día consecutivo de falecementos por baixo de 300 e que as novas hospitalizacións foron de 607, seis máis que na xornada anterior.

No referente ao número de casos, Nova York mantense como o gran foco do coronavirus, cuns 323.000 casos confirmados.

75.000 mortes en todo o país

Os Estados Unidos, o país máis afectado do mundo pola pandemia, reporta un total de máis de 1,2 millóns de casos confirmados de COVID-19 e 75.543 falecidos, de acordo co reconto da Universidade John Hopkins.

En todo o país superaron a enfermidade cando menos 195.036 persoas, e por tanto quedan activos algo menos dun millón de casos.

O Reino Unido manterá o confinamento tras rexistrar 539 mortes máis

O Goberno británico informou de que o Reino Unido manterá o confinamento, aínda que o primeiro ministro, Boris Johnson, dará a coñecer este domingo o plan para relaxar algunhas das medidas. O Reino Unido rexistrou este xoves 539 novas mortes por COVID-19; eleva así a cifra total ata os 30.615 falecidos en hospitais e residencias e mantén o país como o máis castigado de Europa pola pandemia.

Italia áchegase ás 30.000 mortes

Italia rexistra xa 29.958 falecidos con coronavirus, con 274 no último día, una cifra inferior aos 369 do mércores. O crecemento de contaxios segue un lento descenso, con 1.401 casos máis nas últimas 24 horas, ata un total de 215.858, segundo os datos ofrecidos por Protección Civil, dos que xa curaron 96.276 persoas, preto de 3.000 onte. 

Francia achégase ás 26.000 vítimas mortais

Francia anunciou este xoves que contabilizou 178 mortes por coronavirus nas últimas 24 horas, co que suma 25.987 falecidos desde o inicio da epidemia, o pasado 1 de marzo, e confirma a tendencia á baixa dos falecementos, segundo as autoridades sanitarias.

Ademais, 23.208 pacientes permanecen ingresados coa infección de COVID-19, dos cales 2.961 están graves en coidados intensivos. Desde o inicio da epidemia, 95.210 persoas foron hospitalizadas pola enfermidade e 55.027 recibiron xa a alta.

América achégase aos 100.000 falecidos

Aínda que Europa segue sendo a rexión con máis afectados, 1,62 millóns, é seguida de preto por América, con case 1,6 millóns, mentres que entre os países con maior incidencia destaca o ascenso de casos en Rusia (máis de 177.000), que xa é o quinto do mundo por número de contaxios, só por detrás dos Estados Unidos (1,2 millóns), España (uns 221.000), Italia (214.457) e o Reino Unido (202.359).

No continente americano, os países máis impactados despois dos EUA seguen sendo O Brasil (135.106 infectados e 9.146 falecidos), O Canadá (uns 66.000 contaxiados e 4.500 mortos), O Perú (58.526 casos e 1.627 decesos) e Ecuador (máis de 30.200 enfermos e 1.650 defuncións).

Tras eles sitúanse México (case 28.000 casos e 2.700 falecidos), Chile (24.580 infectados e 285 decesos), Colombia (uns 9.400  contagios e 400 mortes) e Panamá (máis de 7.700 enfermos e 218 falecementos).

Con isto, o continente, onde aínda varios países agardan o pico da pandemia, rolda os 1,6 millóns de casos e as 96.000 mortes polo coronavirus. Uns 315.000 deses contaxios e 17.000 falecementos corresponden a Latinoamérica.

A OMS calcula que o pico da pandemia aínda tardará entre tres e seis meses en chegar aos países máis pobres e cre que en varias zonas, que inclúen países latinoamericanos, probablemente se está producindo xa unha importante transmisión do virus sen detectar, dada a pouca capacidade dos sistemas de saúde e laboratorios.