CRTVG

Buscar

Italia supera os 20.000 mortos por COVID-19 e Nova York pasa dos 10.000

Publicado o 13/04/2020 23:49

A cifra de falecidos en Italia con coronavirus chegou este luns aos 20.465. Nas últimas 24 horas rexistráronse 566 mortes, unha cifra moi superior aos 431 do domingo, que fora a máis baixa nas últimas tres semanas. Nas últimas horas rexistráronse 3.153 contaxios, o que eleva o total a 159.516.

Nova York supera os 10.000 mortos 

No estado de Nova York morreron 10.056 persoas pola COVID-19, segundo anunciou este luns o gobernador neoiorquino, Andrew Cuomo. Na súa conferencia diaria, comparou esta cifra coas 2.753 vítimas mortais causadas polos atentados terroristas do 11 de setembro de 2001 contra as Torres Xemelgas e asegurou que os mortos 671 mortos que se rexistraron nas últimas 24 horas supoñen un descenso respecto aos días anteriores.

O Reino Unido suma outras 717 mortes nas últimas horas

O número de mortes por COVID-19 nos hospitais británicos ascende a 11.329, despois de sumar outras 717 nas últimas 24 horas, segundo informou este luns o Ministerio de Sanidade do Reino Unido. A cifra de falecementos está por debaixo do "récord" de 980 anunciados polo país británico o pasado venres e que foi a cota diaria máis alta rexistrada ata entón nun país europeo.

Os expertos avisan de que, aínda que o ritmo de crecemento das defuncións se reduciu, isto non indica que se acadase o pico da pandemia. Estes datos non inclúen as baixas extrahospitalarias, que elevarían o total.

O primeiro ministro, Boris Johnson, continúa a súa recuperación na residencia oficial campestre de  Chequers, despois de saír este domingo do hospital londiniense de St. Thomas, onde ingresara o pasado 5 de abril. O ministro de Exteriores, Dominic Raab, encabezará o xoves a reunión onde se decidirá se se manteñen ou relaxan as restricións impostas no país hai tres semanas.

O xeito de contar os casos fai imposible unha comparación correcta 

As vítimas mortais no Reino Unido superan as 11.300, pero o país só contabiliza os falecidos nos hospitais.

Ocorre o mesmo nos Países Baixos. Oficialmente a COVID-19 causou 2.700 mortes, pero as asociacións médicas holandesas din que é un dato incompleto e que a mortalidade é moito maior. Por iso comezarán a facer a súa propia estatística incluíndo todos as mortes con síntomas da enfermidade das últimas semanas de persoas ás que non se lle fixo o test e que non aparecen nos datos das autoridades sanitarias.

Bélxica si contabiliza toda as mortes confirmadas ou sospeitosas de infección por coronavirus. Suma xa 3.600 falecidos. Os datos indican unha elevada mortalidade para un país de só 11 millóns de habitantes.