CRTVG

Buscar

Nova York conxelará algúns cadáveres para facer sitio nas funerarias

Publicado o 22/04/2020 21:26
Nova York conxelará algúns cadáveres para facer sitio nas funerarias

O Concello de Nova York ordenará conxelar temporalmente os corpos dalgunhas vítimas da COVID-19 para reducir a presión sobre hospitais, depósitos e funerarias, que cada vez contan con menos espazo para preservar os cadáveres das persoas que faleceron polo virus. 

Eses corpos, que na súa maioría non foron identificados ou ninguén os reclamou, trasladaranse desde as morgues a camións conxeladores co obxectivo de que non se descompoñan ata que poidan ser levados a un lugar definitivo nun prazo que pode chegar ata a un ano, segundo informan medios locais. 

Esta decisión supoñerá practicamente a fin dos enterros na fosa común de Hart Island, no Bronx, que ata o de agora se utilizou para aquelas vítimas de coronavirus que non podían ser identificadas ou que non foran reclamadas por algún parente nun prazo de 15 días tras a morte. A devandita fosa utilizouse desde o século XIX como o lugar en que descansan os restos daqueles neoiorquinos que morren sen que ninguén os reclame.

Esta decisión, segundo o consistorio, tamén servirá para dar máis tempo ás familias e ás funerarias para levaren a cabo os preparativos para enterros ou incineracións, e tamén para aliviar a presión sobre o persoal e sobre recursos como padiolas en hospitais e depósitos.

Os camións refrixerados localizaranse no distrito de Brooklyn, onde xa existe un depósito provisional, e o concello coordinarase coas funerarias para calcular canto tempo poden permanecer os corpos antes de seren recolleitos para procederse á súa conxelación. 

Desde que se desatou a crise do coronavirus nos Estados Unidos, a cidade de Nova York converteuse no epicentro mundial da pandemia. Ata a data, segundo datos do departamento de Saúde da cidade neoiorquina, o número de positivos por COVID-19 na Gran Mazá ascende a 134.874, cunhas 35.746 persoas hospitalizadas e polo menos 9.562 mortes confirmadas polo patóxeno.