Nova York confirma un caso da nova cepa británica

Nova York confirma un caso da nova cepa británica. Anunciouno este luns o gobernador do Estado, Andrew Cuomo. É un residente no condado de Saratoga que non viaxou recentemente o que leva a pensar que pode haber máis casos sen detectar.
Despois de California, A Florida e Colorado, Nova York é o cuarto Estado estadounidense en que se detecta a presenza desta nova cepa considerada máis contaxiosa.
Pese a que se transmite con maior facilidade, os expertos sinalaron que non parece máis virulenta, e cren que a vacina desenvolvida polas farmacéuticas tamén será efectiva contra esta variante.
"Non fai que a xente estea máis enferma nin causa máis mortes", explicou e epidemiólogo xefe dos Estados Unidos, Anthony Fauci.
Os Estados Unidos seguen a ser o país máis afectado pola pandemia, con 20,7 millóns de casos confirmados e máis de 352.000 falecidos, segundo o reconto independente da Universidade Johns Hopkins.