O Sergas comeza a vacinar mañá persoas de entre 65 e 69 anos con AstraZeneca
A vacinación continuará tamén mañá, coa previsión de chegar entre os dous días a 35.000 galegos.
Galicia vai incorporar de inmediato un novo grupo de vacinación, o da poboación que ten entre 65 e 69 anos, que recibirán o soro de AstraZeneca. Despois deles irán os traballadores esenciais que aínda están sen vacinar: profesores, policías ou educadores físico-deportivos que non recibiron aínda ningunha dose.
Galicia avanza na vacinación co obxectivo de que en dous meses, a finais de xuño, toda a poboación maior de 60 anos estea vacinada, que teña polo menos unha dose.
Ao mesmo tempo que se inmuniza a domicilio os grandes dependentes co fármaco de Janssen, en hospitais, ambulatorios e grandes recintos adminítranse as doses que van chegando de todos os laboratorios. Este venres puxéronse unhas 26.000, a maioría de AstraZeneca.
Sanidade avanza que o seguinte grupo a vacinar será o das persoas de entre 65 e 69 anos. Prioriza o criterio de idade, e por iso irán antes que os traballadores esenciais que aínda non recibiron ningunha dose ou que teñen pendente a segunda. "Agora imos traballar co grupo 65-69, ese é o principal obxectivo agora mesmo, e unha vez rematado ese colectivo está previsto que se continúe cos traballadores esenciais que non remataron na primeira fase", explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
A vacinación masiva continuará o sábado, coa previsión de inmunizar outros 11.000 galegos, case todos coa vacina de Pfizer.