CRTVG

Buscar

Nova vaga de asaltos a negocios do centro de Sarria

Publicado o 02/12/2019 14:08

Tres negocios do centro de Sarria foron asaltados nunha mesma noite. Nesta tenda racharon os cristais do escaparate e levaron pezas de roupa por valor duns 600 euros. Tamén entraron nesta cafetería, onde se fixeron cuns 400 euros en efectivo. Foi a metade do que roubaron neste taller de automoción, onde remexeron todo ata dar cunha caixa con cartos en metálico.

"Fun pola porta de atrás e xa a vin aberta. Estaba o cilindro rebentado e a porta deformada. Entrei para ver que levaran e xa vin os caixóns da oficina remexidos, cos papeis todos soltos, e que o pouco diñeiro que quedara fora o que levaran", di Ramiro López, dono do taller mecánico.

"Sabemos que romperon o cristal e que entraron. Moi adiante non chegaron porque cremos que saltou a alarma e que se asustarían. Colleron do escaparate só as pezas de roupa que lles deu tempo. Ao mellor viñan desvalixar a tenda, non se sabe", conta Mercedes López, dona da tenda de roupa.

En varios dos negocios asaltados, o importe dos danos materiais superou o valor dos cartos ou dos artigos roubados. Na tenda de moda houbo que repoñer os cristais rotos, mentres que no taller mecánico varias das portas foron forzadas e quedaron sen os cilindros das pechaduras. "Estropearon moito máis do que levaron. Despois tivemos sorte porque había ordenadores enriba da mesa e máquinas de diagnose dos coches, que son moi valiosas, e diso non colleron nada. Por onde pasaron tamén había trades e non colleron nada. Nada máis que viñan ao diñeiro e punto", relata Ramiro.

"Aínda é máis a impotencia que tes, os nervios que che quedan. Non é o valor do que levan. É que tes medo, agora. E aquí en Sarria ultimamente non sei o que está pasando, pero pasa", lamenta Mercedes.

As últimas vagas de roubos sufridas en Sarria obrigaron as autoridades a reforzar a seguridade polas noites, polo que as patrullas da Garda Civil dos concellos veciños vixían asiduamente as rúas da vila.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019