CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Nova edición de 'Galego sen fronteiras', o curso de verán que facilita a inmersión na cultura galega a estudantes foráneos

Publicado o 02/07/2018 21:41

Cada verán preto dun cento de estudantes de todo o mundo crean vínculos de por vida coa lingua e a cultura galegas. Ese é propósito dos cursos 'Galego sen fronteiras' que este ano chegan xa á edición número 31.

Sara e Tena son estudantes de linguas hispánicas en Croacia e aproveitan o verán para ampliar a súa formación nos cursos que organiza a Real Academia Galega en colaboración coa universidade compostelá. "Para mellorar aínda máis o galego que levo estudando xa tres anos", di Sara.

Priscila e Carmiña revisan o programa que as vai ter ocupadas todo este mes. Unha vén desde Euskadi atraída pola cultura de orixe de seu pai... "Atopei unha escusa para vir aquí un mes dar unha volta." A outra vén de Chile interesada tamén por unha historia que lle toca de preto..."Estou traballando nunha investigación sobre a emigración galega en Valparaíso."

Dos oitenta inscritos este ano, a metade recunca. Pódeno facer porque hai ata tres niveis de 'Galego sen fronteiras'. É unha programación pensada para que as visitas se repitan e os vínculos se consoliden e que os participantes se convertan en certo modo en embaixadores culturais. "Iso é do que se trata, de que nos conten algo dos seus países, pero que logo nos seus países falen de nós", di Henrique Monteagudo, un dos directores de 'Galego sen fronteiras'.

"É impresionante como vostedes institucionalizaron un idioma", di Andersen, un alumno suizo de orixe chinesa. "Penso que unha cultura podemos coñecela pola comida, pola lingua, e Santiago ten todo iso", di Uriel, un compañeiro méxicano.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

02/07/2018