Nova derruba no cono do volcán da Palma, que está na fase "de maior actividade"
• Hai rebordamentos constantes de lava, novos puntos emisores e unha sismicidade en aumento
EFE
O cono principal do Cumbre Vieja vaise desdebuxando polas continuas derrubas ao tempo que se abren novas bocas eruptivas. Xa son cinco as que expulsan lava, cinsas e piroclastos sen descanso. A última rompeu este luns á tarde e ocasionou un mar de lava montaña abaixo.
Agora mesmo hai 16 coadas activas. Din os expertos que o volcán está no momento de maior efusividade desde que entrou en erupción hai seis semanas. A actividade sísmica está aumentando. Nas últimas 24 horas houbo máis de 200 terremotos, e os xeólogos advirten á poboación de que pode haber tremores fortes.
Preocupa tamén a calidade do aire. Este luns o volcán emitiu 50.000 toneladas de dióxido de xofre, "un disparate", en palabras dos vulcanólogos. Equipos da UME fan un seguimento continuo da situación.
No medio da devastación, un alivio para a agricultura. Este luns empezaron a funcionar as desalgadoras que chegaron hai tres semanas á Palma e que permitirán regar as plantacións de plátanos que seguen intactas. Espérase que sexa a salvación para centos de cultivos que quedaron illados pola lava.