CRTVG

Buscar

Nova condena para o atracador de bancos que usaba unha máscara de látex polo asalto a unha sucursal de Lobeira

Publicado o 09/01/2020 12:53

Catro anos e tres meses de prisión é a pena que finalmente terá que cumprir o atracador dunha sucursal bancaria no concello ourensán de Lobeira, tras chegar a un acordo coa Fiscalía. O atracador levaba máscara e perruca, pero sacounas ao saír do banco. A gravación das cámaras de seguridade permitiu identificalo.

Por videoconferencia desde o cárcere de Teixeiro, onde cumpre condena por outro atraco, o acusado aceptaba a pena de catro anos e tres meses de prisión que acordaron o Ministerio Fiscal e mais o seu avogado, co visto e prace do avogado do banco, que exercía a acusación particular.

As probas videográficas contra el foron decisivas: varias cámaras de seguridade gravárono saíndo do banco e percorrendo 250 metros ata un coche que o agardaba fóra. Xa quitara a máscara de látex e a perruca que usara para cometer o roubo.

Joaquín de la Vega, avogado da defensa: "No banco, supostamente, ía disfrazado e, cando sae, xa sae sen máscara que poida borrar ou impedir a súa identificación. Hai un indicio: se ti saes dun banco que minutos antes foi atracado, por moito que non te identifiquen no banco, se eras o único que estaba alí xunto cos empregados, branco e en botella...".

Á parte do disfrace, a Fiscalía tivo en conta a agravante de reincidencia. O acusado, veciño de Arteixo, foi detido hai un ano no marco da denominada operación Boludo da Garda Civil por diversos atracos en toda Galicia.

Joaquín de la Vega, avogado da defensa: "A el acusábano de cinco atracos e en tres, a través das instrucións, determinouse que non había probas obxectivas para imputalo. Nos outros dous, está cumprindo pena privativa de liberdade".

Ademais da pena de prisión, deberá devolver o botín: preto de 5.500 euros que levou nunha bolsa de papel que el mesmo lle facilitou á empregada do banco.

Noticias web

09/01/2020