Nova concentración nos Mallos contra a ocupación ilegal e o tráfico de drogas
Nos últimos meses, os veciños do barrio coruñés dos Mallos detectaron un incremento preocupante do tráfico de drogas e da ocupación ilegal de vivendas e de baixos que se utilizan para vender droga. Hai unhas semanas, mobilizáronse para reclamar máis presenza policial, pero, polo momento, a situación mantense. Esta tarde volveron saír á rúa.
Resumen o problema as veciñas máis antigas do barrio. Explican que "non hai policía, só droga e roubos. É unha vergoña". A súa indignación é a mesma de toda a veciñanza dos Mallos.
Segundo denuncian, o problema da ocupación ilegal e, sobre todo do tráfico de drogas, agravouse co confinamento, especialmente nos últimos catro meses. "Antes facíase pola noite, pero agora xa é a plena luz do día", asegura outra veciña. Outra residente conta que ela e mais o seu home recibiron ameazas.
O medro aumentou e tamén a sensación de inseguridade, por iso, a veciñanza uniuse nunha plataforma que xa saíu á rúa hai unhas semanas. Queren recuperar o barrio como espazo seguro de convivencia.