CRTVG

Buscar

Nova campaña da DXT para porlle freo aos mortos por accidentes de tractor

Publicado o 01/03/2019 15:22

Porlle freo ao elevado número de mortos en accidentes de tractor é o obxectivo que marca a DXT cunha campaña que comeza hoxe.

Por iso os axentes xa están a vixiar que todos os accesorios dos vehículos
agrícolas cumpran coa normativa e que estean en boas condicións. Nos tractores agrícolas, o arco de seguridade constitúe un elemento de importancia vital en caso de envorcamento.

É o que evidencian as estatísticas de sinistralidade desas máquinas e o argumento central nunha campaña de prevención de riscos que está a desenvolver a Garda Civil de Tráfico.

En 54 accidentes de tractor morreron 6 persoas. Son datos só da provincia de Pontevedra, onde se desenvolve esta campaña, e abranguen os últimos catorce meses. Os sinistros mortais foron envorcamentos en que o tractor non levaba despregado o arco de seguridade.

Antonio mercou o tractor de segunda man e incorporoulle elementos de seguridade que non tiña, entre eles o cinto, aínda que no seu caso non estaba obrigado.

Antonio, agricultor e condutor de tractor di que considera importante para a súa seguridade que o vehículo que manexa leve freos, luces, estrutura de seguridade, e pneumáticos en boas condicións.
O tenente da Garda Civil de Tráfico Antonio Rodríguez lembra que os tractores matriculados a partir do 1 de xullo de 1993 están obrigados por norma a contar con estrutura de seguridade debidamente homologada. "O feito de levar a barra de seguridade determina o poder sobrevivir a un accidente", afirma

O incumprimento da normativa neste terreo pode supoñer 200 euros de multa e a inmobilización do tractor.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/03/2019