CRTVG

Buscar

Nova campaña arqueolóxica na necrópole medieval de Cereixa, na Pobra do Brollón

Publicado o 15/07/2019 13:52

No castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón, deu comezo unha nova campaña arqueolóxica. Nela ampliaranse as escavacións na necrópole onde se localizou o esqueleto medieval de Atilano. Ademais, na contorna das murallas escavarase un lugar coñecido coma o Burato dos Mouros, de onde se sacaron grandes cantidades de escoura de ferro.

Xurxo Ayán, profesor de Arqueoloxía na Universidade Nova de Lisboa: "O noso obxectivo fundamental é atopar a igrexa orixinal asociada a esta necrópole que nos sitúa nas orixes da Ribeira Sacra. O segundo obxectivo é unha zona que se chama o Burato dos Mouros. Nela hai unha antiga galería mineira moi vencellada ás lendas locais dos mouros, qu enós cremos que é unha galería mineira adicada á explotación do ferro que pode estar vencellada á orixe do castro da Idade de Ferro, en época prerromana".

Durante un mes, o equipo dirixido por Xurxo Ayán e formado por oito arqueólogos, unha antropóloga forense e unha trintena de voluntarios chegados de diversos países traballará para localizar máis enterramentos medievais, que se virían sumar ás 46 tumbas xa excavadas. Ao igual que nas campañas anteriores, os traballos estarán abertos ao público, con visitas guiadas de martes a sábado.

Xurxo Ayán, profesor de Arqueoloxía na Universidade Nova de Lisboa: "Aquí temos 3.000 anos de historia concentrados nun espazo, que é algo único en Galicia. Podemos reconstruir toda a historia desta zona dende a época dos castros. Este é un castro especializado na metalurxia do ferro entre os séculos III e I antes da nosa era e volve ser ocupado na época medieval cando unha comunidade chega a aquí, monta un santuario e mais un cemiterio. Ata o momento temos 46 tumbas excavadas na que é unha das necrópoles medievais máis importantes de Galicia. O segundo punto é que a xente poida vivir aquí a arqueoloxía ao vivo. As excavacións van estar abertas á xente e tamén imos facer un campo de traballo internacional con voluntarios de todo o mundo que van vir aquí para axudarnos nas excavacións".

Esta quinta campaña arqueolóxica promovida polos veciños da parroquia de Cereixa contará tamén con actividades divulgativas para os máis pequenos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/07/2019