CRTVG

Buscar

Notre Dame salvouse da derruba por media hora

Publicado o 17/04/2019 08:32

A investigación aberta pola Fiscalía trata de determinar a causa do incendio que, nunha primeira estimación, se achaca a un accidente. Nas últimas horas dábase a coñecer tamén que a catedral se salvou de derrubarse por media hora. O presidente, Emmanuel Macron, fixou en cinco anos o prazo para reconstruír Notre Dame.

A Fiscalía de París, que abriu unha investigación por destrución involuntaria por incendio, comezou a interrogar os 15 operarios que traballaban nas obras de restauración da catedral. Non hai ningún indicio que faga pensar que o incendio foi intencionado. Pero hai que saber como se orixinou o lume e depurar responsabilidades. A empresa encargada das obras de restauración asegura que se cumpriron todas as normas de seguridade.

Vai ser determinante a información que acheguen as cámaras de seguridade. A primeira alerta dérona ás seis e vinte do luns, pero non se detectaron lapas. A segunda, sobre as sete menos cuarto, que xa detectou lume no teito. Foi cando se ordenou evacuar a catedral. Aínda que aparentemente a estrutura da catedral está en bo estado, o Goberno francés non se atreve a dicir como resistirá. O Consello de Ministros dedicarase hoxe integramente a Notre Dame. Pola tarde, prevese lanzar unha gran colecta para sufragar os traballos de restauración. Só no día de onte se recadaron en doazóns máis de 700 millóns de euros.

Onte, o presidente Macron volvía lanzar unha mensaxe optimista.

"Somos un pobo de emprendedores. Temos moito que reconstruír. E reconstruirémola. Máis fermosa aínda. Quero que estea rematada en cinco anos. Podemos facelo", dicía Macron.

Co paso das horas, vanse coñecendo detalles das horas críticas que se viviron o luns a partir das sete menos dez do serán. Onte o ministro de Interior dixo literalmente que Notre Dame se salvou por media hora. E que non acabou derrubándose grazas á coraxe dos bombeiros. Ante o avance imparable do lume, e ante a imposibilidade de atacalo vía aérea para non poñer en perigo a estrutura, vinte bombeiros subiron ás torres e abordaron o lume desde o interior. Corpo a corpo. A súa rápida intervención foi crucial.

As autoridades explican que, aínda que a desfeita foi menor do que se temía, a situación segue sendo preocupante e os traballos para asegurar a estrutura continuarán dous días máis. Detectáronse algúns puntos vulnerables. Unha vez finalizados estes traballos de consolidación, poderase entrar no edificio para rescatar as obras que aínda quedan dentro.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/04/2019