CRTVG

Buscar

Normalízase a situación no aeroporto de Cabul e retómanse as evacuacións

Publicado o 17/08/2021 14:35

• Os EUA controlan o aeródromo e os talibáns, a súa contorna

• O Goberno fretará os avións que "sexan necesarios" para Afganistán

 

Un avión militar estadounidense, con capacidade para 150 persoas, engalaba o domingo de Cabul con 640 refuxiados afgáns a bordo, pouco antes de que os talibáns tomasen a capital. Foron afortunados. Moitos non logran saír do país.

Milleiros de afgáns ocuparon o aérodromo e mesmo invadiron as pistas para tentar coarse nos avións. As estradas tamén colapsaron.

Nas últimas horas, normalizouse a situación. Países como Francia, Italia ou Turquía xa repatriaron os seus. Merkel e Macron comprometéronse a crear corredores seguros para os afgáns. Nas últimas horas chegaban 2.500 soldados estadounidenses á capital afgá para reforzar a seguridade.

Na súa comparecencia onte ao serán, o presidente Biden asegurou que nos próximos días se completará a evacuación de diplomáticos, aliados e civís vulnerables. Biden defendeu con vehemencia a súa decisión de marchar do país centroasiático. Admitiu que non anticiparan a rápida ofensiva dos talibáns pero culpou o Goberno afgán por fuxir e o exército por colapsar.

"Foi a decisión correcta. As tropas americanas non poden estar pelexando unha guerra que as forzas afgás non están dispostas a librar", dixo.

Os talibáns, que xa recibiron a man tendida de Rusia e A China, percorren triunfantes as rúas de Cabul de onde xa desapareceron as mulleres e á que volverán os burkas. O pánico e a resignación polo futuro que lles espera sobre todo a mulleres como nenas resúmeo este testemuño arrepiante. 

"Ninguén se preocupa por nós. Morreremos lentamente na historia", conta esta rapaza de identidade non revelada. "Non contamos, di, porque nacemos en Afganistán", un país abandonado á súa sorte.

Noticias web

17/08/2021