Normalízase a situación da traída en Santiago e o Concello garante a potabilidade da auga
Excepto algún problema puntual de turbidez que algúns veciños lle comunicaron este luns á concesionaria da auga en Santiago e que xa foron resoltos, a situación está normalizada. Desde o concello envían unha mensaxe de tranquilidade e garanten que a auga é apta para o consumo e que cumpre con todos os parámetros sanitarios. Aínda así, hai algúns veciños que non se fían e polo momento prefiren evitar consumir auga da traída para beber ou cociñar e optan por mercala embotellada para estes usos.
Para resolver calquera incidencia segue activo o comité de crise creado trala vertedura de xurro ao rio Tambre que puxo en xaque a subministración da auga en Santiago durante os últimos días. Os técnicos realizan análises constantemente. Están pendentes da previsión meteorolóxica dos próximos días porque se chove con intensidade podería revolver o fondo do rio onde queda xurro. De darse o caso xa se estudan os posibles escenarios e solucións.
Canto á vertedura que orixinou este problema, a Garda Civil e a Policía Autonómica proseguen coa investigación para aclarar o sucedido e dirimir responsabilidades.