Normalidade nunha xornada electoral atípica
As 3.952 mesas electorais de Galicia constituíronse con normalidade nos mesmos tempos que nos comicios anteriores. Houbo, como é habitual, algunhas incidencias menores, como o recurso a algúns suplentes pola incomparecencia dos titulares, ou o atraso nunha mesa da Coruña polo fallo de transmisión de datos.
O que cambia nesta cita son os protocolos sanitarios, que obrigan a espazar o acceso ao colexios, e deixan imaxes de ringleiras nalguns centros electorais.
A Xunta distribuíu case dous millóns 400 mil máscaras, 40.000 botes de hidroxel e 47.000 pantallas de protección para garantir esas medidas. Nalgúns colexios non permiten o acceso con máscaras de tea, polo que os electores poden facer uso da cirúrxica que se lles facilita. Hai persoal de administración para facilitar o cumprimento das normas.
Tamén se extrema a limpeza dos elementos comúns, nalgún caso cada dúas horas.