CRTVG

Buscar

Normalidade na primeira xornada de folga do persoal de terra de Iberia en Barcelona

Publicado o 24/08/2019 15:00

O aeroporto de Barcelona vive hoxe, con normalidade e valoracións desiguais,  a xornada de folga convocada polo persoal de terra de Iberia. AENA di que só houbo as cancelacións previstas e un seguimento do 10 por cento. A UXT eleva o seguimento a un 70 por cento e critica os servizos mínimos "por abusivos".

A pesar das cancelacións, a normalidade está sendo a tónica dominante nesta primeira das catro xornadas de folga convocadas polo persoal de terra de Iberia no aeroporto do Prat. Acusan á compañía e a AENA de intransixencia e teiman na súa reivindicación principal, de maior estabilidade no emprego. Dixo o líder da UXT en Cataluña: "Converter temporais en fixos cunha actividade que é todo o ano non ten custo. Por tanto é posible e é posible en breve".

O pulso laboral non se está traducindo nas escenas caóticas doutras ocasións. Porén, entre os viaxeiros afectados é unánime a queixa por falta de información previa.

 "O disgustante é que non nos dan información. Téñennos con moita incertidume" "Estamos perdendo practicamente todo. Se avisasen con tempo, poderiamos facer algo. Isto é o que realmente incomoda".

AENA sinala que unicamente houbo as cancelacións xa previstas: 140 voos, na súa maior parte de Vueling, entre mil programados. Tamén di que o seguimento da folga apenas está chegando ao 10 por cento. Porén, a UXT sitúao en sete de cada dez traballadores non incluídos nuns servizos mínimos que consideran abusivos.
 

Noticias web

24/08/2019