Noriega non dá por dinamitadas as conversas con Podemos para ir coaligados nas autonómicas
O venres remata o prazo para que Anova, Podemos Galicia e Esquerda Unida poidan presentar unha coalición para as autonómicas. As conversas continúan e desde Anova, Martiño Noriega, advírtelle a Podemos que se teima en manter unha posicion hexemónica na confluencia pon en risco o cambio político .
"Hai como unha cuestión estratéxica que entende que un espazo compartido nestes últimos anos ten que ser ocupado pola posición federal. Teño a sensación de que esa é nestes momentos a situación. Que pode mudar de aquí ao venres, a miña experiencia dime que si", aseguraba Noriega.
Podemos Galicia cre que aínda hai marxe para un acordo con Anova, pero insisten en que o lóxico sería manter a marca Galicia en Común.
"Galicia en Común é unha fórmula consolidada pero estamos traballando para que se sumen os compañeiros de Anova e moita xente da sociedade, do mundo académico, da sanidade, da educacións, etc. Eu son optimista", dixo o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino.
"Animamos, nos días que quedan, a que non se disgregue a esquerda porque sería un erro moi importante e creo que necesitamos sumar para desaloxar a dereita do poder", apuntaba a coordinadora nacional de Esquerda Unida. Eva Solla confía en incluir a Anova na candidatura de Podemos e Esquerda Unida.